Ca entrada en vigor do Real Decreto 676/2016, do 16 de decembro, polo que se regula o sistema de identificación e rexistro da especie equina, elimínase o concepto de propietario do animal no tocante á lexislación de identificación, sendo o titular do animal o que debe presentar a solicitude para obter o documento de identificación equina (DIE) ou a TME (Tarxeta de Movemento Equina), así como modificar os datos dos citados documentos, sendo este o que aparecerá na Sección IV do DIE. Esta normativa especifica que cando o titular non sexa o propietario do équido actuará en representación deste.
Para équidos de crianza e rendemento identificados en Galicia ou noutras Comunidades Autónomas, esta xestión lévase a cabo nas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) da Consellería do Medio Rural.
Para équidos rexistrados, os trámites de cambio de titularidade poden realizarse pola entidade que emitiu o pasaporte ou, a petición do titular do animal, a través das OAC da Consellería do Medio Rural.
O novo titular dispón dun prazo de 30 días hábiles desde que se produce o cambio de titularidade para comunicar este feito á OAC correspondente ou á o organismo emisor, segundo se trate de animais de crianza e rendemento ou rexistrados respectivamente. Para realizar este trámite a través da OAC, presentará o DIE e máis o modelo normalizado de cambio de titularidade dispoñible nas OAC e en SIREGAL.
O cambio de titularidade nos équidos que dispoñen de TME realizarase a través dela. Como neste momento o software do MAPAMA/FNMT para realizar cambios na TME non está dispoñible, o cambio de titularidade realizarase como se os équidos non tiveran TME.